Notícias de Bar Liceum




ESTADO DE SITIO E OPHIUSA

ESTADO DE SITIO
Este venres voltan un ano mais Estado de Sitio. A principios dun verán do 2005 catro amigos deciden quedar para tentar facer algo que se asemelle ao rock nun local de ensaio de excepción: o centro cultural A Lagoa de Orbenlle, así nace Estado de Sitio. Logo da incorporación dun quinto compoñente, en xuño de 2006 o grupo dá a súa primeira actuación na Sala Seven de Redondela, na que se dan a coñecer ao público cunha boa aceptación. A este primeiro concerto seguiranlle algúns concertos máis durante o verán en varios lugares do sur da provincia. En outono ve a luz a súa primeira maqueta. Pero non será ata El paso de los días (o seu último traballo) cando realmente amosen un son máis maduro, onde o grupo se atreve coa fusión e coa execución de varios estilos, sen deixar nunca de lado o rock. Sucédense os concertos pola provincia en diversos festivais: 1º Festival Alternativo Millo Verde, XI Rocha Rock, Festa da Prehistoria, Seguen loitando por darse a coñecer en todo o país, ofrecendo un espectáculo baseado integramente no Rock e gañando público en cada concerto, pola forza e as ganas que proxectan. www.myspace.com/estadorock. Será o venres 7 as 23h30 horas. Os prezos 3 euros normal, 2 euros anticipada e 1,5 para socios.

OPHIUSA
E o sábado folk con Ophiusa que vén de publicar o seu segundo disco de estudio, de nome Sen Planeta. Nesta súa segunda producción, a música do grupo, xa identificable e recoñecible, experimenta unha evolución cara á parte máis eléctrica e ecléctica dentro do seu propio son. Se no seu debut discográfico Paos, finalista nos Premios de la Música 2008 na categoría de mellor canción cantada en galego a banda traballaba con ritmos existentes na música popular global (reggae, bluegrass) ademais dos ritmos que son propios do noso país (muiñeira, xota), en Sen Planeta a música de Ophiusa da un xiro cara á contemporaneidade. Os temas incluídos no disco son compostos na súa totalidade. Cómpre sinalar o apartado de colaboracións de Sen Planeta: Ophiusa conta neste disco con representantes do máis alto nivel instrumentístico, e de persoeiros sobradamente coñecidos e recoñecidos na escea folk coma Bieito Romero (Luar na Lubre), Óscar Fernández (Bonovo), Benxamín Otero (Linho do Cuco) ou o guitarrista Valentín Caamaño, entroutros. O grupo ten tocado nos máis salientables escenarios do eido do folk, tales como o Escenario Runas do Festival de Ortigueira, o Festival Irmandiño de Moeche, o Festival Folk Cuartu de Los Valles en Asturias, a Festa do Lugnasad en Bretaña ou as Festas do Apóstolo en Compostela, por citar algúns. Son tamén de destacar as xiras que o grupo ten realizado polas illas británicas, chegando a representar a Galicia en festivais como o Eisteddfod de Llangollen (País de Gales), que os converte nun dos principais referentes do folk galego dos nosos días. www.myspace.com/ophiusafolk http://www.ophiusa.org/ Será o sábado 8 de Maio as 23h30 horas. Os prezos 4 euros normal, 3 anticipada e 2 para socios.

Sem comentários:

Enviar um comentário