Notícias de Bar Liceum


NOVA PROGRAMACION OUTUBRO E NOVEMBRO 2.010

Despois de tanto tempo, algúns xa pensariades que desapareceramos pero non, como tódolos anos o regreso do Liceum é sempre en Outono despois das festas do Cristo. A nova programación comeza o venres 15 de Outubro e remata o sábado 20 de Novembro. Coma sempre moita variedade: folk, rock, funk, soul, lounge, pop, cantautores, flamenco, rumba..., moitas procedencias, desta volta pasámonos e hai menos galegos que de forá, e que nunca falte alguén desta canteira intensa de músicos e artistas da Louriña. Comezamos cun clásico da nosa sala que xa levaba un par de anos sen vir Alberto Pérez. Compositor, director de orquestra, guitarrista excepcional e improvisador inesgotable, todas estas facetas, unidas á súa condición de actor, téñenlle proporcionado a Alberto Pérez unha sabedoría e un dominio escénico que fai das súas actuacións unha experiencia difícil de esquecer. Cancións orixinais dos ritmos máis diversos, boleros célebres e éxitos da mítica Mandrágora conviven con toda naturalidade nun espectáculo onde a fronteira entre artista e espectador remata por borrarse. Os seus diálogos cantados cos espectadores constitúen unha boa proba disto, onde a risa e os choros tamén chegan a confundirse. Alberto Pérez mantense ao marxe das modas, a industria discográfica e os circuítos comerciais, creando un estilo propio. Para moitos, o nome de Alberto Pérez vai unido ao trío La Mandrágora, xunto a Joaquín Sabina e Javier Krahe. Para outros, á súa etapa de TVE en Si yo fuera presidente. Os afeccionados á radio probablemente coñecerano polas súas colaboracións na SER ou RNE, e os cinéfilos, por El viaje a ninguna parte, de Fernando Fernán Gómez. Pero ademais, Alberto Pérez vén desenvolvendo unha continua labor de investigación da música de América e, en ocasións, aparte dos seus circuítos habituais de canción de autor, visita os escenarios teatrais e de narración oral co seu espectáculo Alberto Pérez y su Orquesta Volátil.
http://albertoperez.blip.tv/
http://www.myspace.com/OrquestaVolatil
Será o venres 15 as 23h30 horas.
Os prezos 5 euros normal, 4 euros anticipada e 2,5 para socios.

E o sábado Eric Fuentes é un personaxe activo e respectado da escena do rock independente barcelonés. Dende principios dos '90 ao fronte da formación de crossover MadSquad, e mais tarde como artista en solitario (tendo rexistrado dous discos "Descarrilant" (1997) e "Bahía Paraíso" (2008), e facendo un cento de concertos por toda Europa). Pero, sobre todo, é coñecido por ter liderado o exitoso grupo The Unfinished Sympathy durante 10 anos, 5 discos editados e 400 concertos por Europa e os Estados Unidos. Despois da disolución de The Unfinished Sympathy, Eric Fuentes está preparando a gravación do seu terceiro disco en solitario. O repertorio contará con cancións dos discos en solitario de Eric Fuentes, incluíndo o vindeiro "Hora punta en territorio enemigo", que será editado por Subterfuge Records a principios de 2011, así como algunhas cancións do repertorio de The Unfinished Sympathy. The Unfinished Sympathy comezaron como trío no 2000 e xiraron por España e media Europa (Francia, Bélxica, Inglaterra, ..) en repetidas ocasións. Chegaron a gravar nos estudios da BBC en Londres, tocaron no festival Sónar de Barcelona e mesmo foron cabeza de cartel no FIB Heineken.
http://www.myspace.com/ericfuentesbarcelona
Será o sábado 16 as 23h30 horas.
Os prezos 9 euros normal, 6 anticipada e 4,5 para socios.

A semana seguinte o venres volta á súa casa a nosa Uxía a presentarnos un dos seus últimos proxectos Brasileg@s como e habitual nela ven acompañada de grandes músicos Fred Martins e Sergio Tannus. Hai un grupo ben nutrido de músicos Brasileg@s, que están facendo realidade unha ponte cultural atlántica sólida e firme que contribúe a afianzar aínda máis os lazos que xa existen entre os dous países. Baixo o tronco común do galego-portugués trazan un mapa da lusofonía e a súa aposta é o contacto, o intercambio, a fusión de ritmos e ideas, a pesquisa de raíces comúns, a reflexión sobre a nosa identidade e sobre o futuro da mesma a través da música. Descubriron unha irmá pequena (a Galiza) a través da cidade de Compostela, a casa da xente, unha cidade aberta e multicultural onde se mesturan as máis variadas linguas, culturas cos seus xeitos de falar, sentir, amar, vivir, ... Por todo isto, e por puro amor a esta terra que os acolleu como se fose a súa, decidiron facer este proxecto que no propio nome leva implícito o obxectivo: Brasileg@s, a fusión total entre as dúas almas: a galega e a brasileira nunha comunión que nunca antes existira e que é posíbel polo coñecemento e cariño mutuos, para selar ese pacto de complicidade e percorrer xuntos a Travesia da Saudade” recoñecéndose nesa sonoridade atlántica que provén dese mar fecundo e poderoso que nos une. Fundirán os diversos xéneros musicais como se fosen da familia: samba, choro, alalá, rumba e baião aproveitando o legado musical que os galegos levaran alén mar. Esa mestura non é algo gratuíto, é dar continuidade e actualizar esa tradición cultural. A zanfona galega e o cavaquinho brasileiro darán o ton desa integración nun repertorio que incluirá composicións propias e clásicos da música galega e brasileira e algúns temas que ilustren de forma clara a idea deste proxecto singular e único: A Casa da Xente e Samba da Galiza entre outros. Das Cantigas de Amigo galego-portuguesas ate os sons máis contemporáneos.
http://www.uxia.net/
http://www.fredmartins.mus.br/
Será o venres 22 as 23h30 horas.
Os prezos 6 euros normal e 3 para socios.

A semana seguinte o venres La Troba Kung-Fú o seu primeiro traballo discográfico (Clavell morenet) levounos a actuar nos Estados Unidos, en México e, xa en Europa, no Reino Unido, Bélxica, República Checa e Hungría. O seu segundo álbum leva por título A la panxa del bou. Na panxa del bou nin neva nin chove, todo é escuro e todo se move. Na panza do boi a viaxe vivida por estes músicos aparece en cinemascope, os olores en cada un dos rincóns, os botóns son balcóns e as rúas das grandes cidades confúndense dentro das paisaxes imaxinadas. Na panza do boi non importan as medallas recibidas, só o goce da primavera emerxida, a fachenda do barrio que lles acolleu, a certeza do absurdo. Cando rompe o xasmín, a rumba convértese en sinfónica e cando se cheiran as rúas de New York nos corredores do metro comezan os rañaceos de LED da mesa de son. La Troba Kung-Fú gravou o seu novo disco no seu propio local, editouno cos seus propios medios e amosou as súas cancións na Rede. Este segundo disco do grupo de La Garriga e, de novo, centrado, aínda máis se cadra, na rumba, rumba heterodoxa, quizais non evidente, pero, sen dúbida, rumba. É un disco urbano e rumbeiro, pero tamén é guasón e divertido, que é un elemento plenamente xitano. Pero tratándose de La Troba non se pode falar só de rumba, xa que no disco hai tamén algo de hip-hop, cumbia, unha rancheira, ritmos en boa medida suxeridos polas viaxes dos membros do grupo. Medmo un dos temas do álbum tamén incorpora apuntes de regetón. O disco presenta, asimesmo, un tema adicado a Barcelona, unha cidade xa moi habitual en moitas cancións. No concerto, interpretarán moitas das cancións do seu novo disco, e como é norma no grupo, a intención final será triple "tocar, divertirnos e facer que o público baile. Ese é o espírito de La Troba".
http://www.latrobakungfu.net/
www.myspace.com/latrobakungfu
Será o venres 29 as 23h30 horas.
Os prezos 10 euros normal, 8 anticipada e 5 para socios.

E o sábado Biodramina Mood marimba, tuba, guitarra hawaiana, chelo e batería. Tan peculiar instrumentación fará que te mergulles en ambientes con aromas cinematográficos, humor, melancolía, ritmo, estrañeza... Un vaivén de sensacións que ben merecen o apelativo de biodramina mood. Lounge experimental de última xeración. A banda formouse en Madrid a finais do 2008 e en pouco tempo leva percorrido os escenarios máis prestixiosos dos clubs madrileños, actuou en programas de radio nacional, entrou na Red de Teatros de la Comunidad de Madrid para actuar nos principais auditorios da rexión e editou o seu primeiro disco Centrifugado Magnético. Trátase dunha colección de temas de corte lounge escritos e arranxados polo seu guitarrista Antonio Fernández. O disco tamén inclúe unha versión do clásico de A-ha Take on me. Ata o de agora nunca se tiña visto unha formación como esta. Utilizando instrumentos cun rexistro tan amplo, cada músico pode face-la función de baixo, acompañamento ou voz principal, deste xeito as posibilidades tímbricas multiplícanse e aparecen texturas e paisaxes sonoros inauditos nunha banda de música moderna. O grupo está composto por músicos de moi diferentes formacións e estilos que van dende a música clásica ata a electrónica, pasando polo rock, o blues, o jazz, música de cine, new wave Esta mestura de experiencias vese reflectida na música e enriquece os arranxos creando un estilo propio e orixinal.
www.myspace.com/biodraminamood
http://www.biodraminamood.com/
Será o sábado 30 as 23h30 horas.
Os prezos 7 euros normal, 6 anticipada e 3,5 para socios.

Por primeira vez ha historia do Liceum imos facer un concerto un xoves pola tarde. Mireinos na feira da musica de Vic co auditorio do teatro principal cheo hasta a bandeira e quedei tan flipado que me dixen isto fágoo eu no Porriño aínda que soña un luns pola maña. Chámanse D`Callaos seguindo humildemente os pasos de mestres como Paco de Lucía ou Camarón, e de bandas emblemáticas como Triana, Lole y Manuel ou Pata negra, DCallaos revisa o flamenco de xeito peculiar, dende a desenvoltura e a frescura que lles dá a súa xuventude. Na súa música, que definen como nu flamenco, xuntan con gusto guitarras con toques de psicodelia setenteira coas bonitas melodías de voz da Canija, e todo ben acolchado cunhas percusións cheas de cores. A pesar de que as influencias musicais dos seus integrantes son moi amplas, hai un eixo central que as une: o flamenco, o fío co que DCallaos cose os seus traxes, pero os complementos están feitos dos materiais máis diversos ( Rock, Jazz, Latin, Reggae) Non hai nada definido, nada premeditado, nin metas nin fronteiras, e isto probablemente sexa unha das causas de que, co paso do tempo teñan logrado un son tan persoal. Con dous discos xa no mercado (Dpaso e Desde mi balcón) acaban de sacar recentemente El borde donde termina el mar, o que fai do concerto no Bar Liceum unha data aínda máis sinalada. O seu prestixio aumenta cando se coñece os artistas cos que compartiron escenario: Elbicho, Ojos de Brujo, Chambao, Los Delincuentes, Muchachito, Amparanoia, Tiken Jah Fakoly, Manu Chao, Asian Dub Foundation, Orishas, Terrakota, Dub Incorporation.
www.myspace.com/dcallaos
http://www.decallaos.com/
Será o xoves 4 de Novembro as 9h00 horas.
Os prezos 10 euros normal, 8 anticipada e 5 para socios.

E o venres El Cubo neste especial concerto, van celebrar os seus 10 anos de existencia, dez anos, como eles mesmos din, de cubiteo. Haberá colaboracións, amig@s no escenario e farán un repaso desta fructífera década de historia. Nun panorama musical tan cambiante como o actual, onde os integrantes dos grupos non paran de entrar e de saír, é moi meritoria a solidez deste conxunto formado por dúas parellas de irmáns. A súa perseveranza e coherencia fan deles un grupo a ter en conta nun futuro próximo. Despois de sacar La marcha de las hormigas, da man de Radix Records, (un novo selo discográfico creado na Galiza, onde militan bandas como Pülsar ou Madeleine) os concertos de El Cubo non pararon de sucederse. Ademais este ano a banda acadou o apoio da marca Merc London. Para este novo disco, decidiron contar coa producción de Javier Abreu (Los Piratas, Boikot, Sugarless, Medusa) para dotar ao seu contundente son de novos matices. A maquetación do mesmo correspondeulle ao deseñador Paco Quintas (ETSueña). El Cubo conta con dous discos editados, Aurora (Pai-Música 05) e ¿Dónde está nuestro sitio? (Autoeditado 08). Ao longo da súa carreira, a banda leva compartido escenario con grupos relevantes da escena española como El Canto del Loco, Macaco, Siniestro Total, Sex Museum, Sugarless ou Dismal entre outros. Ademais contan con distintos galardóns como son o Premio 40 Principales Vigo 2005 ao mellor directo ou o Premio do público do Festival de Curtas de Cans ao mellor videoclip 2007.
www.myspace.com/elcubomusic
Será o venres 12 de Novembro as 23h30 horas.
Os prezos 6 euros normal, 5 anticipada e 3 para socios.

A semana seguinte o venres dende Bilbao a bailar con The Cherry Boppers están levando as rendas da súa música e son un exemplo dos éxitos e recoñecementos que se poden conseguir cunha completa e ben orientada autoxestión. Cinco tipos -brancos- de Bilbao amantes do soul, o blues, o reggae ou o rythm & blues, que fan unha mestizaxe instrumental de jazz-funk, presentan unha "deconstrución" do seu segundo disco en Remix it again, con colaboracións de R de Rumba ou Fundación Tony Manero. Remix it again é unha revisión de Play it again ( o seu primeiro traballo discográfico oficial), na que oito produtores fan "unha deconstrución" dos temas dos Cherry Boppers. Así, Frank Cueto convérteos en electro-funk, R de Rumba en dub, Roberto Sánchez ao reggae Watch Tv en ritmos psicodélicos e Fundación Tony Manero... en máis funk. Comezaron a tocar funk por "necesidade"; os seus cinco compoñentes viñan de distintos grupos e uniulles a súa afección a un xénero que non é tan alleo ao grande público como podería parecer nun principio. A banda ten acadado sona en Europa e conseguiu distribuír vinilos e CD's en Holanda e Xapón. Aínda que definen Play it again como "o primeiro disco oficial", o seu primeiro lanzamento foi Dressin' the Puppet, no que facían versións dos artistas clásicos do jazz ou o funk que lles gustaban. Sen embargo, en Play It Again buscaron xa aportar algo propio co seu jazz-funk instrumental. De cara ao futuro, The Cherry Boppers preparan xa un segundo álbum de estudio.
http://www.myspace.com/thecherryboppersband
http://www.thecherryboppers.com/
Será o venres 12 de Novembro as 23h30 horas.
Os prezos 5 euros normal, 4 anticipada e 2,5 para socios.

A semana seguinte o venres Bellón Maceiras Quinteto achéganos a unha fusión entre novo folk e músicas do mundo, en que a improvisación ten un papel importante. A gaita e o acordeón, xunto co contrabaixo, guitarra, batería e saxofón ofrecen unha viaxe musical na que diversos estilos e ritmos de amálgama se complementan cunha ampla variedade de composicións propias. A fusión é o sinal de identidade de BM5, e a contribución musical de cada compoñente é a que marca o particular son do grupo. Os músicos teñen total liberdade para expresarse, ceibes de ríxidas faixas estilísticas. Do seu gusto por mesturar nace o que eles mesmos definen como espicho, a introducción de partes dunha melodía coñecida dentro doutra peza. No presente disco a gaita sae da súa cuncha para interpretar tango, swing, muiñeira, blues, habanera, jazz, samba, valse francés Non agarden escoitar un só estilo e gocen coa música. Dani Bellón posúe un dos currículos máis importantes do mundo da música tradicional en Galicia, sendo o gaiteiro máis laureado da historia, avalado por máis de 40 premios no seu haber. Diego Maceiras comezou formando parte da Banda de Gaitas "Airiños de Fene", da que segue formando parte hoxe en día, coa que consegue varios premios, acordeonista dende os 11 anos da man de diversos profesores, forma parte de grupos como Rumbadeira, Eiravedra, Mama Cabra... Juan "Cabe", guitarrista do grupo, tamén de Fene, membro de Os Cempés, cun estilo e carácter inconfundible. Miguel Lamas é o batería do grupo, forma parte de bandas como Voodoo, Chiculate, LTCD... Juan Tinaquero é contrabaixista e compaxina a súa labor de actor de dobraxe coa música, formando parte dos Bluesmakers dende hai 15 anos.
www.myspace.com/bellonmaceiras
http://www.bellonmaceiras.com/
Será o venres 19 de Novembro as 23h30 horas.
Os prezos 5 euros normal, 3 anticipada e 2,5 para socios.

E ao día seguinte a visión de Projecto [trepia] respecto da música tradicional galega é algo así como un proceso de reciclaxe aínda que non reciclan cousas antigas, senón contemporáneas. A de-construción (non destrucción) da música e a danza tradicional. Os recursos empregados son o sampleo de bases (feitos con tomas acústicas de instrumentos tradicionais ou ben con fragmentos de gravacións do arquivo de recolleitas inédito, por certo), a utilización da zanfona electro-acústica como principal instrumento solista e, como non, voces e percusión en directo que reforzan a presenza dos ritmos tradicionais. Os seus directos pasan tamén polo emprego do audiovisual, polo cal a gravación e reedición de vídeos (xa sexan do arquivo de recolleitas ou de nova creación) ten un papel moi importante. Do mesmo xeito, e volvendo á raíz da música (que é creada por e para o baile), faise indispensable a presenza da danza tradicional. A trepia é unha estructura sustentada en tres piares: imaxe, danza e son. A imaxe: posta a disposición da música e a danza tradicionais con todo o potencial multimedia que ofrecen os tempos que corren. A danza: a recreación coreográfica baseada na danza tradicional, mais sen esquecer o aporte sempre interesante da danza contemporánea. O son: Coma nos outros dous piares, a aplicación de novos medios e técnicas á música tradicional. Sampleo de percusións e recursos efectistas. Os compoñentes Projecto [trepia] son: Xandre Outeiro: zanfona, voz, percusión e baile, Marta Verde: videocreación, Diego Boullosa: videocreación, Alicia Rodríguez: percusión, voz e baile, Andrea Menéndez: percusión, voz e baile, Miguel Sotelo: percusión, voz e baile, Sara Pena: percusión, voz e baile, Pedro Brañas: percusión, voz e baile, Belén Trabazo: percusión e baile, Henry Pérez: técnico de son. No ano 2008 participa no DesFunción 2008 (Pontevedra), no Festival SonsDaRapa (Sabucedo) e no Certame GzCrea 2008 (primeiro premio de música e segundo premio de video-creación). No ano 2009, participa no Nsaio Xeral (concerto-presentación), preséntase no achegArte (Feira das Industrias Culturais Galegas), participa no II Pecha-Kucha Night, e preséntase no Festibal Geada en Miranda de L Douro (Portugal). No ano 2010, participou no Concerto Dulpo-R (Sala Mondo de Vigo) e no VI Encontro de Zanfona Contemporánea (Narón). Ademais viaxaron á capital do Estado para participar no concurso FestimadTaste Premios CEV Factoría Joven Comunidad de Madrid (segundo premio), e actuar no Teatro Arenal de Madrid. En maio presentou o seu último espectáculo, Trépia 1punto3, no Auditorio de Cangas.
www.myspace.com/projectotrepja
http://www.trepia.org/ http://www.aregueifa.net/
Será o sábado 20 de Novembro as 23h30 horas.
Os prezos 5 euros normal e 2,5 para socios.

Antes de despedirme quixera recordarvos que seguimos coa campaña de socios, ser socio do Liceum costa 60 euros o anos (5 euros ao mes) e da dereito a un 50% de desconto mínimo en todos os concertos, a sentarse (cando hai cadeiras) no mellor sitio da sala, a recibir información na vosa casa de todas as nosas actividades e a ter reservada sempre unha localidade ate 24 horas antes do seu comezo. Continuamos a campaña Queda No Porriño por 30 euros persoa en habitación dobre ou por 35 persoa en habitación individual ofrecémoste unha noite en hotel de 3 estrelas con almorzo e aparcamento (Hotel Parque ou Hotel Internacional), unha cea con 2 pratos, postre bebida e café,(restaurante Celtiña), a entrada para o concerto e unha consumición no Liceum. Podes plantexarnos o que te gustaría e farémoste un rápido e marabilloso orzamento para que te quedes no Porriño.Dicirvos que o resto da semana o Liceum aspira a ser o voso lugar de encontro e temos actividades diversas como clases de Bailes de Salón os xoves ou clases de danza do ventre os luns.

Unha aperta moi grande.

Paco Quintas

Sem comentários:

Enviar um comentário