Notícias de Bar Liceum


Boletín informativo - 03 de Maio de 2010 - Nº: 48

NOVA PROGRAMACION BAR LICEUM MAIO E XUÑO 2.010

Aquí estamos unha vez mais para presentarvos unha nova programación que comeza o venres 7 de Maio e remata o sábado 26 de Xuño. Como sempre moita variedade: humor, cine, hip-hop, folk, rock, house, tangos, musica gipsy..., moitas procedencias e que nunca falte alguén desta canteira intensa de músicos e artistas da Louriña. Temos un cambio moi importante nos horarios deica agora anunciabamos as 23 horas e empezabamos case sempre as 23h30, non queriamos poñer as 23h30 porque coidabamos que si o faciamos empezariamos as 24h, pero despois de moitas conversas con moitos de vos decidímonos a probar cun novo horario as 23h30 pero coa intención de empezar en punto. Comézamos con musica do Porriño voltan un ano mais Estado de Sitio. A principios dun verán do 2005 catro amigos deciden quedar para tentar facer algo que se asemelle ao rock nun local de ensaio de excepción: o centro cultural A Lagoa de Orbenlle, así nace Estado de Sitio. Logo da incorporación dun quinto compoñente, en xuño de 2006 o grupo dá a súa primeira actuación na Sala Seven de Redondela, na que se dan a coñecer ao público cunha boa aceptación. A este primeiro concerto seguiranlle algúns concertos máis durante o verán en varios lugares do sur da provincia. En outono ve a luz a súa primeira maqueta. Pero non será ata El paso de los días (o seu último traballo) cando realmente amosen un son máis maduro, onde o grupo se atreve coa fusión e coa execución de varios estilos, sen deixar nunca de lado o rock. Sucédense os concertos pola provincia en diversos festivais: 1º Festival Alternativo Millo Verde, XI Rocha Rock, Festa da Prehistoria, Seguen loitando por darse a coñecer en todo o país, ofrecendo un espectáculo baseado integramente no Rock e gañando público en cada concerto, pola forza e as ganas que proxectan.www.myspace.com/estadorock. Será o venres 7 as 23h30 horas. Os prezos 3 euros normal, 2 euros anticipada e 1,5 para socios.E o sábado folk con Ophiusa que vén de publicar o seu segundo disco de estudio, de nome Sen Planeta. Nesta súa segunda producción, a música do grupo, xa identificable e recoñecible, experimenta unha evolución cara á parte máis eléctrica e ecléctica dentro do seu propio son. Se no seu debut discográfico Paos, finalista nos Premios de la Música 2008 na categoría de mellor canción cantada en galego a banda traballaba con ritmos existentes na música popular global (reggae, bluegrass) ademais dos ritmos que son propios do noso país (muiñeira, xota), en Sen Planeta a música de Ophiusa da un xiro cara á contemporaneidade. Os temas incluídos no disco son compostos na súa totalidade. Cómpre sinalar o apartado de colaboracións de Sen Planeta: Ophiusa conta neste disco con representantes do máis alto nivel instrumentístico, e de persoeiros sobradamente coñecidos e recoñecidos na escea folk coma Bieito Romero (Luar na Lubre), Óscar Fernández (Bonovo), Benxamín Otero (Linho do Cuco) ou o guitarrista Valentín Caamaño, entroutros. O grupo ten tocado nos máis salientables escenarios do eido do folk, tales como o “Escenario Runas do Festival de Ortigueira, o Festival Irmandiño de Moeche, o Festival Folk Cuartu de Los Valles en Asturias, a Festa do Lugnasad en Bretaña ou as Festas do Apóstolo en Compostela, por citar algúns. Son tamén de destacar as xiras que o grupo ten realizado polas illas británicas, chegando a representar a Galicia en festivais como o Eisteddfod de Llangollen (País de Gales), que os converte nun dos principais referentes do folk galego dos nosos días. www.myspace.com/ophiusafolk http://www.ophiusa.org/ Será o sábado 8 de Maio as 23h30 horas. Os prezos 4 euros normal, 3 anticipada e 2 para socios. A semana seguinte o venres en primicia mundial Araceli Saavedra. A artista porriñesa leva navegado varios mundos: comercio, docencia, interpretación... Sempre naufragando... soña que un día chegue o mar ao Porriño. Ela di que “fai o que pode cando pode!!. Ten desenvolvido traballos de interpretación e divulgación para diferentes productoras,na televisión Galega e na Radio Galega. Agora Araceli vai poñer en escena o que ela deu en chamar humor porriñés. Preséntanos un espectáculo en clave de monólogo cómico onde dende o clown, a narración e a poesía lévanos a viaxar polos paraísos infantís da "xeración da nocilla". Parte da recadación do seu espectáculo será a beneficio do 1º Festival Internacional de Pallasos en Palestina e ao remate do espectáculo proxectarase un documental sobre o tema. Será o venres 14 as 23h30 horas. Os prezos 6 euros normal e 3 para socios.E o sábado inauguramos a exposición de pintura de dúas excelentes pintoras de Bueu. Olga Cerviño, pintora nacida en Bueu (Pontevedra) o 24 de marzo de 1966, empezou hai doce anos manexando os útiles de pintura como forma de relaxación e de ocupar o seu tempo de ocio. A súa primeira exposición foi no 2004. Os seus cadros, dunha pintura reflexiva, están cheos de personalidade, sentimento, expresión e vitalidade, mesturando o realismo coas emocións. A Pintora Ana Cortizo, nacida en Bueu (Pontevedra) o 19 de xuño de 1966. Comezou a súa andaina pictórica hai doce anos. A súa primeira exposición foi no 2004. Pintora Abstracta, a súa pintura é valente, arriscada e chea de espontaneidade. Nos seus trazos conviven a mancha, o xesto e as xeometrías. http://www.galizarte.com/ A semana seguinte e outro ano máis, unha vez rematado o Festival de Curtas de Cans, o Bar Liceum será escenario da proxección das curtas gañadoras da edición deste ano do Festival. É unha cita obrigada para tód@l@s amantes do cine, e máis concretamente das curtametraxes. http://www.festivaldecans.com/. Será o mércores 26 as 22 horas. Os prezos 2 euros normal e gratis para socios.E o venres voltan pero por primeira vez enriba dun palco e debidamente amplificados Os Verbena Kings, son unha experiencia musical innovadora, nada no Porriño alá polo verán do 2009. Tras unha reunión entre os membros, comezaron a rodar tocando nalgunhas salas da localidade porriñesa. Pero o gran boom deste grupo veuse en novembro do 2009 cando, de improviso, e despois dun concerto da Turre´s band no Bar Liceum, os compoñentes dos Verbena Kings fan unha sesión antolóxica e totalmente improvisada. Dende aquel día todo cambiou e os seus compoñentes comezaron a especializarse na música house e trance, pero sen olvidar as súas raíces “Verbeneiras. Os compoñentes do grupo son: DJ Jano (Dj residente do Bar Liceum), Richi Perkusion (batería oficial do grupo The Turre´s Band), Moi Trumpet (trompetista oficial do grupo The Turre´s Band) e Diego Sax (saxofonista oficial do grupo The Turres´s Band). Con varios concertos no Porriño e a piques de gravar a súa primeira maqueta, os Verbena Kings propoñen un estilo moi innovador apenas visto ata a época. A música House pinchada por Dj Jano, os cortes da percusión de Richi e as improvisacións de Moi e Diego, fan que o público sinta un subidón musical. Será o venres 28 as 23h30 horas. A entrada e gratuíta.E o sábado un autentico luxazo na nosa programación. Jotamayúscula (DJ e productor) e Supernafamacho (MC e productor) son os fundadores de "Mas Graves Superproducciones". Colectivo con base en Madrid. Desa factoría teñen saído grandes episodios da historia do hip hop no estado español e mesmo a nivel internacional. Tanto na súa faceta de compoñentes de CPV (El Club de los Poetas Violentos, grupo imprescindible para coñecer a escena hip hop española), como de productores ( de artistas da categoría de Rita Marley, Raimundo Amador, Jean Grae, Buckshot, Violadores del Verso, 7 Notas, 7 Colores, Mala Rodríguez, etc...) e, como non, na súa faceta en directo durante case dúas décadas tendo visitado máis dunha vintena de países. Jotamayúscula, ademais dirixe e presenta dende hai 12 anos El Rimadero en Radio 3 de Radio Nacional de España, primeiro programa dedicado ao xénero con cobertura en todo o estado (sábados pola noite de 00:00 h a 02:00 h). Abrirá o concerto El Pablo Ese, anteriormente coñecido como El Pablo. É un vello coñecido do Bar Liceum. Despois dun tempo centrado noutros proxectos, volve para presentar o seu novo traballo A mi madre le gustan mis raps. O álbum está composto por 15 cortes dun rap que ás veces apetécelle ser electrónica, outras veces soul e outras tantas o que xorda, porque o rap xa se fixo maior e pode ser o que lle pete. O traballo conta coas produccións de Puto Chen (Chacho Brodas), Karmasound, Little Dream Pro. e Jazzy Dark. No apartado das colaboracións a cousa queda na casa, nomes coma Ales (Nerii Gang), MK e Nónimo, Trak, A.K.A. Geiser (Seis Senseis) e Kerpo participaron no proxecto. Todos os temas foron gravados, mezclados e masterizados por MK en Sukely Studios. Agora só queda comprobar se a súa nai ten razón e o rapaz ten talento para isto da música. Para ir abrindo boca podes botarlle unha orella ó seu myspace e así de paso enterarte de que anda tramando ultimamente. http://www.myspace.com/jotamayuscula http://www.myspace.com/supernafamacho http://www.myspace.com/masgraveshttp://www.facebook.com/jotamayusculahttp://www.facebook.com/supernafamachowww.myspace.com/elpabloese. Será o sábado 29 as 23h30 horas. Os prezos 12 euros normal e 6 para socios.A semana seguinte o venres Stereotipos. Acaban de publicar o seu segundo álbum chamado 200 buitres. No ano 2008 percorreron media España acompañando a Iván Ferreiro e presentando, de paso, o seu primeiro traballo discográfico. Ademais Stereotipos forma parte, coa súa versión de Cry baby cry, do disco homenaxe a The Beatles (no que participan artistas como Andrés Calamaro, Miguel Ríos, Vetusta Morla...) que se publicará en setembro do 2010 a beneficio da ONG Médicos Sin Fronteras. Trátase dun dos grupos galegos de referencia dentro do pop máis contemporáneo, e o seu primeiro traballo, que levaba por título Stereotipos contou con colaboracións tan ilustres como a de Quique González. 200 buitres é un traballo sincero, de artesán; un disco con conciencia de tal. Hai honestidade nas súas melodías e nas súas letras. 200 buitres é un álbum de 10 cancións. Temas de rock-pop con herencia cantautoril americana; tamén outros que, cando repousa o ritmo, gañan en presencia e se fan maiores. Stereotipos dan un paso cara adiante co seu segundo disco explotando a súa veta persoal (ou case íntima) con valentía. http://www.stereotipos.net/ http://www.myspace.com/stereotiposband www.facebook.com/stereotipos www.twitter.com/stereotipos. Será o venres 4 de Xuño as 23h30 horas. Os prezos 5 euros normal, 4 anticipada e 2,5 para socios.E o sábado Víctor Coyote que comezou a súa carreira musical no ano 1981 coincidindo coa movida madrileña. Musicalmente, o punto de partida do seu grupo, Los Coyotes, era o rockabilly aínda que Víctor logo se deixou levar por outras influencias: new wave, rumba, funky... Daqueles finais dos oitenta son discos seus tan inclasificables como: De color de rosa ou Las calientes noches del barrio. Por aquelas datas Víctor Coyote viuse transformado nun sex-symbol irónico (cara a el mesmo) que ofrecía unha mirada distinta do rollo hispano. Paralelamente Víctor Coyote desenvolveu unha carreira de deseñador e de pintor. Onde tamén se amosa moi versátil. No ano 1995 edita un disco titulado Lo bueno, dentro, un traballo cheo de sons e ritmos brasileiros. Posteriormente, en Lucha de migajas, déixase seducir polas vangardas electrónicas. Xa máis recentemente publica ¿A que viene ahora silbar? Onde mestura distintas melodías e se observan múltiples influencias musicais distintas. Xa no ano 2006 publica un libro (Cruce de perras y otros relatos de los 80) onde ofrece a súa testemuña sobre a movida e os anos 80. Un ano máis tarde presenta no Festival Play-Doc de Tui e no Festival de Cans do Porriño, dous documentais (Traballadores do contrabando e Só concertinas). O seu último traballo discográfico, Dos años luz y cuarto supón un paso máis na sorprendente evolución musical de Víctor Coyote. www.myspace.com/victorcoyote. Será o sábado 5 de Xuño as 23h30 horas. Os prezos 7 euros normal, 6 anticipada e 3,5 para socios.A semana seguinte o venres dende Salceda o grupo de pandereteiras Donicelas que comeza sendo unha actividade escolar dun colexio público de Salceda de Caselas. Formado por Tere, Noelia, Bea, Tania e Isa, o grupo comeza o seu percorrido por distintas vilas de Galiza, intentando dar a coñecer algo máis da cultura galega. Este viaxe levounas en máis dunha ocasión aos estudios da TVE en Galicia ou da TVG.Pero a maior parte das súas actuacións teñen lugar en festas tradicionais, colexios, institutos e centros culturais de Salceda de Caselas e arredores (Vigo, A Garda, Porriño...). Cabe destacar as actuacións realizadas nas festas de San Froilán (Lugo), en Guitiriz (Lugo) ou no pub Miudiño (Ourense). Así mesmo, o grupo estivo xa presente en máis dunha ocasión no país veciño, Portugal, para levar a súa música a diversos actos celebrados en Vilanova de Cerveira. A finais do 2004 incorporan dous homes ao grupo: José Manuel San Román (experimentado gaiteiro) e José Alonso (acordeonista). O seu primeiro disco Que nunca foi abalada (2005) recolle temas xa tradicionais de Donicelas, así como outros de recente incorporación. Contan coa colaboración deTreixadura, Tino Baz, Orfeón Treixadura e Magoia Bodega. http://www.donicelas.com/. Será o venres 11 de Xuño as 23h30 horas. Os prezos 4 euros normal, 3 anticipada e 2 para socios.E ao día seguinte e por primeira vez no Liceum o espectáculo de monólogos de Carlos Santiago, A Leira Magnética é unha sátira sobre a actualidade na que o escritor, dramaturgo e artista compostelán desentraña os enigmas máis candentes sobre a lingua, a crise, a confusión das caixas ou o Ano Santo Xacobeo. Desde os anos noventa Carlos Santiago, en paralelo coa súa actividade como músico e escritor, converteuse nun consumado monologuista, especialmente no palco das Ultranoites da Sala Nasa, das que é artista habitual. Textos cargados de ironía onde a palabra é raíña absoluta deron corpo a espectáculos como Monólogos Finlandeses, Textículos ou Desacordos Ortográficos, que o levaron por toda Galiza, Portugal ou Mozambique. Logo de dous anos dedicados a outros proxectos literarios e teatrais, como a edición da colección O Lapis do Taberneiro ou a dirección de pezas teatrais como Finlandia; Carlos Santiago regresa agora aos palcos nocturnos para catarlle as pulgas á realidade máis rabeante e reencontrarse co seu público de sempre. A Leira Magnética é unha escolma de monólogos apostólicos, económicos e galaicos sobre o gume mesmo da actualidade. Será o sábado 12 de Xuño as 23h30 horas. Os prezos 6 euros normal e 3 para socios.A semana seguinte volta unha marabillosa experiencia que coñecemos no Liceum o ano pasado. Aló Django ofrece un concerto cun amplo abano de xéneros musicais traducidos todos ao estilo dos xitanos centroeuropeos mesturado co jazz: o gypsy swing, un estilo lírico, alegre e acústico cuxo máximo representante é o mítico guitarrista Django Reinhardt. Ademais crean un show divertido máis alá do estrictamente musical, enfiando música con xéneros escénicos de entretemento como o cabaré ou o music-hall, de onde veñen parte do seus integrantes. Aló Django nace no ano 2007 pola vontade de Ramón Orencio e Xabier Mera, guitarras e voces, de ofrecer un concerto divertido con swing como banda sonora. Se sumaron como plantilla fixa os violinistas Quim Fariña e Xacobe Lamas, e o contrabaixista Alfonso Calvo e a mellor claquetista de Galiza, Gail Brevitt. O proxecto está recibindo moi boa acollida por parte do público e salas de concertos de Galiza, as cales depositaron de novo a súa confianza en nós ao programarnos este ano en grande número a través da rede institucional galega RGMV (Rede Galega de Músicos ao Vivo), así como na rede institucional portuguesa Outonalidades. Participou ademais en festivais de jazz en Galiza como o Burgojazz e foi escollido para eventos institucionais como a Gala de Teatro Radiofónico da RTVG (Radio Televisión de Galicia), a gala Revelando Voces do Concello de Santiago de Compostela, a entrega de premios do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto. E continúan agora a súa traxectoria coa súa inclusión no ciclo Artistas en Ruta 2010, promovido pola A.I.E. (Asociación de Intérpretes y Ejecutantes) que levará a Aló Django de xira por toda España (Barcelona, Madrid, Badajoz, Toledo, Ciudad Real,...) durante o 2010. www.myspace.com/alodjangoswingband. Será o venres 18 de Xuño as 23h30 horas. Os prezos 5 euros normal, 4 anticipada e 2,5 para socios.E o sábado dende Arxentina Mariel Martinez. Distínguese pola súa calidez e por estar secundada case exclusivamente pola guitarra de Alejandro Picciano, que viste estas cancións dunha cor nova, que soa a achado. Os clásicos tangos de Gardel, Manzi, Exposito, Stamponi, Troilo e Piazzolla mézclanse con algúns de novos compositores, propoñendo unha viaxe pola música porteña sen pasar por un repertorio manido, gastado ou repetitivo. É un concerto íntimobaseado na linguaxe e a lírica dos grandes poetas do xénero sen caer nunca nos típicos clichés, nin nos tópicos dos espectáculos de Tango Arxentino. Todo isto ten servido a Mariel Martínez para se-la única cancionista de Tango residente en España que edita os seus discos aos dous lados do Atlántico. Dende o lanzamento do seu primeiro disco De mi Barrio Mariel Martínez presenta tódolos anos o seu espectáculo non só en España, senón que xira por Francia, Alemaña e a súa Arxentina natal, con excelentes críticas do público e dos medios de comunicación. O seu novo CD Perfume de Tango está gravado en Arxentina e España, e ademais da guitarra de Picciano, conta coa presencia do mesmísimo Litto Nebbia, ademais de importantísimos músicos do xénero como Carlos Buono, Carlos Quilici, ...http://www.marielmartinez.com/ http://www.myspace.com/marielmartineztango www.myspace.com/alejandropicciano Será o sábado 19 de Xuño as 23h30 horas. Os prezos 6 euros normal, 5 anticipada e 3 para socios.E que mellor para rematar esta programación e deixarvos cun bo sabor de boca e a risa nos labios que Carlos Blanco, desta vez e para tentar que ninguén se quede sen entrada terémolo o venres e o sábado. Carlos volve ao Bar Liceum pero desta volta non volve só. Vén acompañado dun talentoso artista brasileiro: Sérgio Tannus que a súa vez ven en formación de trío. Entrambos ofrecerán unha actuación novidosa que será un adianto do seu próximo espectáculo, un traballo que, de seguro non deixará indiferente a ninguén, como xa é habitual en Carlos. O seu último traballo é un monólogo titulado Só, que xira arredor do camiño de Santiago e das ocorrencias deste brillante contador de historias. Carlos Blanco ten traballado en Teatro, Cine, Televisión e Radio. Nos últimos anos vén desenvolvendo unha actividade continuada como Narrador Oral tanto na Galiza como en toda España ( Madrid, Barcelona, Zamora, Salamanca ou Avila ), así como en Polonia, Holanda, Alemaña ou Portugal. Pouco se pode engadir dun artista como Carlos Blanco máis que foi quen de traballar con directores do prestixio de Pedro Almodóvar, Gerardo Herrero ou o propio Antón Reixa, e que compartiu set de rodaxe, escenario e plató con actores e actrices de prestixio mundial. Por outra banda, Sérgio Tannus é un dos máis completos artistas da safra musical brasileira. Virtuoso en instrumentos variados, como guitarra clásica, guitarra eléctrica, baixo, cavaquinho, ... comezou a tocar dende cedo. Ten actuado en espazos de grande repercusión no Brasil e no mundo. No Brasil Tannus tamén estivo presente, como músico e arranxador, en varios e importantes concertos televisivos, na abertura do show de Gilberto Gil, ademais de facer parte de proxectos xunto a artistas contemporáneos como Suely Mesquita, Lilian França, Chico Cezar, etc. http://www.myspace.com/sergiotannus http://gl.wikipedia.org/wiki/Carlos_Blanco_(actor) http://es.wikipedia.org/wiki/Carlos_Blanco_(actor). Será o venres 25 e o sábado 26 de Xuño as 23h30 horas. Os prezos 10 euros normal e 5 para socios.Antes de despedirme quixera recordarvos que seguimos coa campaña de socios, ser socio do Liceum costa 60 euros o anos (5 euros ao mes) e da dereito a un 50% de desconto mínimo en todos os concertos, a sentarse (cando hai cadeiras) no mellor sitio da sala, a recibir información na vosa casa de todas as nosas actividades e a ter reservada sempre unha localidade ate 24 horas antes do seu comezo. Continuamos a campaña Queda No Porriño por 30 euros persoa en habitación dobre ou por 35 persoa en habitación individual ofrecémoste unha noite en hotel de 3 estrelas con almorzo e aparcamento (Hotel Parque ou Hotel Internacional), unha cea con 2 pratos, postre bebida e café,(restaurante Celtiña), a entrada para o concerto e unha consumición no Liceum. Podes plantexarnos o que te gustaría e farémoste un rápido e marabilloso orzamento para que te quedes no Porriño.Dicirvos que o resto da semana o Liceum aspira a ser o voso lugar de encontro e temos actividades diversas como clases de Bailes de Salón os xoves ou clases de danza do ventre os luns. Unha aperta moi grande.

Paco Quintas

Sem comentários:

Enviar um comentário