A Peneira

Miles de persoas, entre as que se atopaban personalidades da política, a cultura e sociedade de Galicia, uníronse á manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística en defensa do galego e contra a derrogación do decreto do galego no ensino anunciada polo novo Goberno galego. Segundo cifras achegadas pola mesa, a asistencia superou as 50.000 persoas.
A protesta, que saíu algo despois das doce do mediodía da Alameda, ía encabezada por un grupo de nenos que levaban unha pancarta co lema 'Señor Feijóo, queremos xogar e aprender en galego'. Tras eles situábanse varios membros da Mesa, entre eles o seu presidente, Carlos Callón.
Así mesmo, acudiron á concentración numerosos políticos do BNG, como o voceiro nacional, Guillerme Vázquez; o voceiro parlamentario, Carlos Aymerich; o deputado no Congreso, Francisco Jorquera; deputados como Teresa Táboas, Ana Pontón, Alfredo Suárez Canal, Fernando Blanco e Carme Adán, entre outros.
Tamén acudiron outros membros do Bloque Nacionalista Galego, como Xosé Manuel Beiras ou o alcalde de Teo, Martiño Noriega; ademais de representantes do Sindicato Labrego Galego e da CIG. Por outra parte, na cita púidose ver a representantes do mundo da cultura, como os escritores Manuel Rivas, Teresa Moure e Yolanda Castaño, a cantante Mercedes Peón ou o rexedor do clúster audiovisual, Antón Reixa.
A Praza da Quintana, lugar onde terminaba a protesta, quedouse pequena para acoller a tal número de persoas e é que hai que ter en conta que en torno as dúas menos cuarto do mediodía aínda saía o último grupo do punto de partida.

'O galego, a nosa columna vertebral'
Os manifestantes portaban diversas pancartas en defensa do galego, como 'Falamos galego e temos dereitos', 'Temos unha lingua propia queremos vivir nela', 'Eu si quero o galego' ou 'Pola lingua nin un paso atrás'. Como se esperaba que chovera, algúns incluso portaban os seus lemas nos propios paraugas.
Entre os lemas máis coreados os xa tradicionais 'Na Galiza en galego' ou 'Sempre en Galiza, sempre en galego', xunto con outros como 'Onde están? Non se ven, os bilingües do PP' ou 'Galicia ten futuro en galego'.

Apropiarse do idioma
Tras unha breve actuación de Mercedes Peón, o presidente da Mesa admitiu que a entidade se viu desbordada pola asistencia, subliñando que "non só estamos enchendoa Quintana, estamos enchendo a estrada e as rúas desta cidade" e afirmou, ironicamente, que "aquí estamos os tres ou catro que di o presidente que defendemos o galego". Asimesmo, cualificou esta mobilización como "a maior na defensa do galego de toda a historia" e lembroulles a os presentes que "non somos poucos, nin cuantitativa nin cualitativamente".
Así mesmo, quixo lembrar que se estaban manifestando "non contra ninguén, senón a favor da nosa lingua". Xa que logo, pediu, en alusión ás declaracións feitas onte polo presidente da Xunta, que "se aproveite do galego", recomendación que estendeu aos conselleiros de Mar, Sanidade e Economía, xa que asegurou que nin sequera saben falalo.
Tampouco aqueles conselleiros que si saben falalo salváronse das críticas. Así, acusou ao conselleiro de Cultura de que "exhibe moito currículo pero non ten a vergonza de dicir que a cultura galega está moi ben, pero limita".
Callón tamén criticou a "demagoxia e manipulación" do Goberno popular e quixo lembrarlle ao presidente da Xunta que "as persoas que falamos en galego tamén temos dereitos civís" e que "o feito de gañar as elección non fai que as mentiras se convirtan en verdade". Así mesmo, anunciou que "non conten con ningún consenso para reducir a nosa lingua".
Tamén interveu o intelectual galeguista Avelino Pousa Antelo, quen, a os seus 95 anos, foi un dos que máis aplausos colleitou, xesto que agradeceu emocionado asegurando que "habendo xente coma vos, o galego non morre".

Manifesto
A protesta terminou co himno galego e a lectura do manifesto a cargo de Avelino Pousa Antelo, Yolanda Castaño, Teresa Moure, Nemésio Barxa e Brais Fernández. Nel, reivindicaron que "o pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial", co "mesmo status legal que o castelán". Así mesmo, puntualizan que "a situación do galego está moi lonxe de ser así".
Ademais, suliñou que "resulta preocupante que, desde Madrid, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país", xa que o verdadeiro problema está "na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español". Así mesmo, apostan por respectar a legalidade vixente, concretamente o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística.

In "A Peneira", Xornal Galego.

Sem comentários:

Enviar um comentário